Thursday 19 de September de 2024

Última semana de prezo reducido na inscrición da décimo oitava edición da carreira popular Coruña 10 


Ata o 18 de agosto o prezo da categoría absoluta é de 8 euros. A partir dese día abrirase a tarifa de 12 euros ata o 27 de setembro 

Case 400 persoas xa formalizaron a súa inscrición desde a apertura do prazo nas diferentes categorías, con 312 persoas para a carreira absoluta 

A escasos dous meses para o comezo da oitava edición da Carreira Popular Coruña10, a máis multitudinaria das carreiras da cidade, xa son preto de 400 persoas as que formalizaron a súa inscrición dende a apertura de prazo o pasado mes de xullo. En total, 374 persoas xa adquiriron o seu dorsal, nas diferentes categorías, para participar na carreira que terá lugar o vindeiro domingo 6 de outubro, das que 312 inscricións son na categoría absoluta. 

Co obxectivo de fomentar a participación dos coruñeses e coruñesas, o Goberno de Inés Rey activou un prazo de inscrición a prezo reducido cunha cota de 8 euros para as persoas rexistradas ata o próximo domingo 18 de agosto. A partir da próxima semana, o prezo será de 12 euros ata o día 27 de setembro e posteriormente haberá un prazo extraordinario os días 28 e 29 de setembro, cunha cota de inscrición de 20 euros. As inscricións faranse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com ata o día 29 de setembro ás 23.59 horas e de xeito presencial no horario comercial do centro de El Corte Inglés (rúa de Ramón y Cajal) ata o mesmo día. 

Na súa décimo oitava edición, a carreira Coruña C10 contará cun circuíto urbano, homologado pola Real Federación Española de Atletismo. Ademais, as e os menores tamén poden participar no circuito con probas adaptadas, segundo o nivel, con inscrición gratuíta desde a categoría peques ata sub-18. A saída e a meta estará situada en Porta Real e a proba atravesará os Cantóns, Linares Rivas, a estrada do porto e o interior dos peiraos. 

As primeiras persoas clasificadas na carreira Coruña10 obterán distintos premios económicos en función da categoría e procedencia. Haberá un total de 9.700 euros para os mellores corredores e corredoras. Ademais, aquelas persoas participantes que batan o récord da proba tanto na categoría masculina (28’09”) como na feminina (31’40”) obterán un premio de 2.000 euros. O regulamento, así como todos os servizos que ofrece Coruña10, poderán atoparse na web municipal www.coruna.es/carreiraspopulares.